26 junio 2024
Inicio > Número 27 > Desafíos e desencontros nas licitacións de interpretación: unha chamada para licitar con sentido e para a defensa da profesión

Desafíos e desencontros nas licitacións de interpretación: unha chamada para licitar con sentido e para a defensa da profesión

Este artigo aborda a problemática das licitacións de servizos de interpretación en España, e destaca a importancia da acción colectiva e da colaboración entre asociacións e profesionais do sector. As licitacións de servizos de interpretación de conferencia están de moda. Con todo, por que fan precaria a profesión? Que podemos facer? Convén esixir licitacións xustas por parte da Administración, nas que se beneficie e respecte o profesional e non apenas o intermediario.

As licitacións están de moda. Desde que en novembro de 2017 se aprobou en España a Lei 9/2017 de contratos do sector público, as administracións locais e autonómicas víronse obrigadas a licitar todo tipo de servizos, e a interpretación de conferencias non foi unha excepción.

Contexto e antecedentes

Licítase por esixencias da normativa europea, pero, que dúbida cabe, pódese licitar de moitas maneiras. O quid da cuestión é precisamente o como.

Licítase por esixencias da normativa europea, pero, que dúbida cabe, pódese licitar de moitas maneiras. O quid da cuestión é precisamente o como, é dicir, a redacción dos pregos de condicións. Uns bos pregos susténtanse no respecto ao licitado e aos seus fundamentos. Nos malos pregos, o criterio co meirande peso é a oferta de prezo máis baixo, en detrimento da solvencia profesional ou, directamente, de todas as normas profesionais do sector.

E é que, se o obxectivo das licitacións consiste en promover a transparencia, a eficiencia e a innovación nos procesos de contratación da Administración, o papel desta última tamén debería ser o de velar pola promoción de prácticas profesionais e empresariais xustas.

A experiencia de FIU Bélxica e as súas leccións

En Bélxica hai xa un par de anos que comezaron a verlle os ollos á curuxa das licitacións, e foi así como FIU (Freelance Interpreters United) —un grupo heteroxéneo de profesionais de sensibilidades e asociacións diversas nacido para facerlles fronte aos desafíos da pandemia—, xunto coa Cámara Belga de Tradutores e Intérpretes e a Belgian Quality Translation Association (BQTA), lanzaron dous plans de acción que desembocaron en senllas interesantes publicacións: un vademécum para enviarlles aos licitadores, que debulla as condicións mínimas que ha de reunir unha licitación adecuada, e unha Carta de Boas Prácticas e Relacións entre Intérpretes. O Servizo Público Federal belga mesmo publicou diversos documentos de defensa do acceso das pemes en calquera proceso de externalización.

Desafíos nas licitacións de interpretación en España

No ámbito local e autonómico español, moitos destes pregos, lonxe de apostar polo rigor na formulación e a calidade, fan gala dun profundo descoñecemento da profesión.

Á vista de como se redactaron moitos pregos de condicións de licitacións, a iniciativa do vademécum é oportuna e brillante. No ámbito local e autonómico español, moitos destes pregos, lonxe de apostar polo rigor na formulación e a calidade, fan gala dun profundo descoñecemento da profesión e, en consecuencia, atentan contra as súas normas máis elementais, condicións de traballo e dereitos. Algúns chegan a tarifar a interpretación por minutos, ignorando non xa unicamente o valor da competencia e a dispoñibilidade, senón tamén outra parte fundamental do proceso, como son as horas de preparación —un encargo representa moito máis que a interpretación en si, que non é máis que a punta do iceberg. Seica se remunera o bombeiro só cando apaga un lume, a cirurxiá cando opera ou o cantante cando dá un concerto? Outros confunden tradutores, intérpretes de enlace e intérpretes de conferencia, profesións irmás todas elas, pero que, sen dúbida, requiren unhas habilidades e unha formación distintas. Algúns contemplan que un intérprete traballe ata dúas horas só, sen comprender a natureza esixente e a carga cognitiva do oficio, desestimando os estudos sobre fatiga mental que apoian a práctica establecida de que os intérpretes de conferencias traballen en parellas e se alternen cada 20 ou 30 minutos para manter a calidade da súa interpretación e protexer a súa saúde física e mental. Outros non contemplan unhas condicións de cancelación ou adiamento axeitadas cando a aceptación por parte dun intérprete dun servizo confirmado significa, amais dunha preparación e documentación previas, o seu compromiso en firme respecto dese traballo e, por conseguinte, a renuncia expresa a outras ofertas de traballo que poida ter, aínda que puidesen ser de maior duración ou máis vantaxosas polo motivo que fose. O compromiso, obviamente, debe ser mutuo. Unhas condicións de anulación impracticables abócannos á precariedade absoluta. Os exemplos de mala praxe son múltiples: o Concello de Barcelona, o Diplocat, o Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña, Extenda ou o Ministerio de Defensa, entre moitos outros.

Impacto en institucións estatais

Neste pantanoso mar de licitacións parecía que as institucións do Estado se salvaban. A interpretación de linguas cooficiais no Senado comezou no ano 2005 cunha convocatoria pública de selección de profesionais titulados que xerou unha bolsa de traballo composta por 25 intérpretes de conferencias. Foron 19 anos de servizos de interpretación de calidade, con equipos estables de profesionais cualificados que souberon adaptarse á actividade da Cámara.

Cando, o 13 de setembro de 2023, a Mesa do Congreso dos Deputados aprobou a reforma do Regulamento para regular o uso das linguas oficiais na Cámara Baixa, o modelo de contratación directa do Senado presentouse como un exemplo de boas prácticas, un modelo para seguir. É similar ao que utilizan outras grandes institucións que recorren ao uso de intérpretes, como a Comisión Europea ou os organismos dependentes de Nacións Unidas: exames para habilitar profesionais e garantir así a súa competencia, e contratación directa destes profesionais.

Contra todo prognóstico, con todo, o 20 de decembro de 2023 o Senado sacou a concurso os servizos de interpretación simultánea (en remoto) e a posterior transcrición das intervencións realizadas en éuscaro, catalán, galego e valenciano, segundo a distribución lingüística aprobada, durante as sesións parlamentarias da Cámara. Fixo gala dun perfecto descoñecemento das condicións en que traballamos os profesionais e dos requisitos que debe reunir un intérprete que lle dea servizo a unha institución como esta, ata tal punto que diversas empresas licitantes habituais deste tipo de concursos, que adoitan ofrecer condicións de remuneración moi por baixo do mercado da interpretación profesional en España, recuaron e retiráronse da carreira á espera de novas e mellores condicións.

Noticia sobre la interpretación en el Senado.

O prego de condicións do Senado fai precaria, menoscaba e deteriora a profesión de interpretación de conferencias contravindo as súas normas máis elementais, condicións de traballo e dereitos. Non só pon no mesmo saco a plataforma tecnolóxica para a interpretación remota, o xestor desta, o soporte técnico, os intérpretes e a transcrición das intervencións dos senadores, e todo por un orzamento ínfimo que non pode cubrir todas esas actividades, senón que ademais:

  • Non esixe ningunha formación específica. Para que serven entón as universidades e másteres? Nada diferenza un intérprete formado durante un mínimo de 5 anos de quen non recibiu formación para esta profesión?
  • Non cita nin unha soa vez o termo “intérprete de conferencias”, nin esixe a menor experiencia institucional ou parlamentaria. Os intérpretes especialízanse coa experiencia e horas de preparación e estudo.
  • Non describe o que supón o seu labor no Senado nin a responsabilidade que del se deriva.
  • Remunera en condicións irrisorias e por fraccións de ata 30 minutos.
  • Non garante a protección dos dereitos de propiedade intelectual.
  • Vulnera estándares traballados durante anos por prestixiosas asociacións profesionais e organizacións internacionais.
  • Outórgalle un valor ao tempo efectivo de interpretación, obviando o da formación, a competencia, a dispoñibilidade e a preparación.

Esta cultura da licitación é unha grave ameaza para todos os profesionais autónomos e un golpe máis a unha profesión xa bastante mancada pola Administración.

Esta cultura da licitación é unha grave ameaza para todos os profesionais autónomos e un golpe máis a unha profesión xa bastante mancada pola Administración, como sucede cos servizos de interpretación en lingua de signos ou a interpretación xudicial. As licitacións falidas de interpretación xudicial na Administración Xeral do Estado teñen sido denunciadas xa polo sector e pola propia xudicatura en múltiples ocasións polos problemas tan profundos provocados. Como mostra da magnitude da traxedia, o expediente de denuncia presentado pola APTIJ (Asociación Profesional de Tradutores e Intérpretes Xudiciais e Xurados) perante o Ministerio de Xustiza e o Defensor do Pobo consta de 263 páxinas.

Puideron…

Para redactar os pregos puidéronse estudar os acordos sobre interpretación subscritos entre a Asociación Internacional de Intérpretes de Conferencias (AIIC, máxima representación da profesión, de ámbito mundial ) e o Parlamento Europeo, a Comisión Europea, o Consello da Unión Europea, o Tribunal de Xustiza da UE, o Comité Económico e Social Europeo, o Comité das Rexións, as axencias e organismos da UE, a ONU e todos os seus organismos, o Banco Mundial, o FMI, etc. Pero non o fixeron.

Puideron estudar o funcionamento de institucións similares, como o Consello Nacional e o Consello de Estados na Suíza, que introduciron o servizo de interpretación simultánea xa en 1946.

Puideron estudar o funcionamento de institucións similares, como o Consello Nacional e o Consello de Estados na Suíza, que introduciron o servizo de interpretación simultánea xa en 1946 e que se foron adaptando aos tempos grazas a unha profunda cultura da negociación. Ou a situación na rexión italiana de Trentino-Alto Adigio, onde é obrigatorio ofrecer o servizo de interpretación simultánea en todas as sesións do Goberno da provincia (Giunta Provinciale) e dos concellos das cidades con concelleiros de fala alemá e italiana (Bolzano, Merano). Pero non o fixeron.

Ou puideron consultarnos directamente aos intérpretes, que levamos 18 anos colaborando coa “casa” e que gustosamente teríamos asesorado, como levamos facendo desde o primeiro día, ou preguntado ás asociacións profesionais nacionais máis representativas do sector, en particular ESPAIIC ou AICE. Pero tampouco o fixeron.

Os pregos do Senado non só exclúen calquera profesional que se prece, senón que só deixan espazo para intermediarios, a miúdo empresas multinacionais con poucos escrúpulos e rigor.

Os pregos do Senado non só exclúen calquera profesional que se prece, senón que só deixan espazo para intermediarios, a miúdo empresas multinacionais con poucos escrúpulos e rigor, cuxo principal obxectivo é xerar e maximizar os seus beneficios económicos, ofrecendo condicións moi por baixo do mercado da interpretación profesional en España. Que estiveron propoñendo estas axencias?

Traballar só en lugar de en parella como é habitual ou aceptar unha tarifa reducida se se traballa cun compañeiro, honorarios moi por baixo do estándar, «tarifas de espera» e «tarifas de servizo» —menosprezando de novo os piares básicos de formación, competencia, preparación e dispoñibilidade—, e co labor de transcrición (outro compoñente da licitación) incluído na tarifa. En fin, a imaxinación ao poder!

O que non explicitan estes pregos nin, por suposto, as mensaxes das axencias é a realidade da interpretación no Senado, a saber, que a interpretación se emite en directo por TV Senado e é seguida por un nutrido grupo de xornalistas e políticos; que os discursos interpretados son transcritos literalmente no Diario de Sesións; que o Diario ten un valor xurídico e é utilizado como fonte de información oficial para entender o desenvolvemento dos debates, as propostas lexislativas, as votacións e outras actividades parlamentarias; que a maioría dos discursos son lidos a unha velocidade media de 145 palabras por minuto e que poucas veces se dispón do texto; ou a responsabilidade ou o impacto mediático que todo isto leva consigo.

O paso á acción

Durante os últimos tres meses, o equipo de intérpretes do Senado pasou á acción, tomando medidas significativas para defender as condicións de traballo e a sustentabilidade da profesión.

Durante os últimos tres meses, o equipo de intérpretes do Senado pasou á acción, tomando medidas significativas para defender as condicións de traballo e a sustentabilidade da profesión. Estas accións inclúen:

  • A presentación dun recurso administrativo contra o prego.
  • A difusión da situación entre senadores e deputados.
  • Os contactos con grupos parlamentarios.
  • O contacto con todas as asociacións profesionais.
  • A impartición de charlas no marco de FIU España, ESPaiic (rexión España de AIIC) e a xunta de Asetrad , co fin de dar a coñecer a situación e agrupar os profesionais para que, entre todos, defendamos a nosa profesión.
  • A promoción de comunicados da Red Vértice.
  • O contacto con articulistas políticos para corrixir terminoloxía (tradutores, pinganillos…).
  • A difusión en redes.

Estas accións tiveron un impacto mediático notable, con artigos que reflicten as queixas presentadas por diversos grupos parlamentarios perante a Mesa do Senado. A maior novidade é que o Senado retirou a licitación e prepara unha nova. Podería ser por todas as accións levadas a cabo, porque o concurso quedaría deserto, ou simplemente unha cuestión de axuste das condicións á recente aprobación por parte da Mesa do Senado de aumentar os plenos mensuais de dous a tres. Sexa como for, a nova licitación permite albergar esperanzas de que a definición dos pregos mellore e se adapte á realidade da profesión.

Namentres…

Namentres, seguimos agardando pola publicación dos pregos do Congreso dos Deputados para responder ás novas necesidades de sesións con interpretación de catalán, galego e éuscaro na Cámara Baixa.

Namentres, seguimos agardando pola publicación dos pregos do Congreso dos Deputados para responder ás novas necesidades de sesións con interpretación de catalán, galego e éuscaro na Cámara Baixa.

Confiamos en que estas campañas sirvan para que se entenda mellor que necesidades mínimas debe reunir un prego que permita ofrecer estes servizos en condicións. De feito, moitas licitacións quedan desertas precisamente porque non se avalían correctamente as necesidades nin se realiza un correcto estudo de mercado. Noutros casos, concédese o servizo a unha empresa de tal modo que a institución perde a capacidade de cribar os profesionais (ou renuncia a esta) e de asegurarse de que, efectivamente, cumpren os requisitos mínimos esperables.

Isto incúmbenos a todos, experimentados ou noveis, júnior ou sénior, dunha asociación, doutra ou de ningunha, tanto se nos interesa a parte institucional como se nos centramos no sector privado.

En calquera caso, os interrogantes sobre as próximas licitacións brindan a posibilidade de facer pedagoxía para evitarmos unha desfeita das nosas condicións de traballo. Do mesmo xeito que os acordos de AIIC coas institucións internacionais marcaron a pauta do mercado privado, das poeiras dunha falta de acordo e dunhas condicións ignominiosas nas institucións españolas poden chegar pesadas lamas… Por iso, na nosa opinión, isto incúmbenos a todos, experimentados ou noveis, júnior ou sénior, dunha asociación, doutra ou de ningunha, tanto se nos interesa a parte institucional como se nos centramos no sector privado.

É o momento de defender a profesión

En resposta a esta conxuntura, están considerándose varias propostas concretas, como o labor de concienciación, a creación dun observatorio para recompilar casos de mala praxe e de boa praxe a escala nacional e internacional e a elaboración dun vademécum nacional de condicións mínimas de pregos. A título de exemplo, debería ser condición sine qua non que as empresas licitantes coñezan, respecten e cumpran as ISO propias da profesión, e en particular a máis recente —a ISO 23155—, e que se comprometan coa ancoraxe local. Ofrecerlles oportunidades aos intérpretes locais autónomos ou ás pemes sen dúbida permitiría soster e reforzar o tan necesario tecido económico nacional.

Aquí convén advertir da trampa das “outras ISO”, as relativas á xestión empresarial, a procesos de xestión documental, cuestións administrativas, ambientais, de inclusión de colectivos vulnerables, de paridade de xénero, etc., que pouco teñen que ver co exercicio da nosa profesión e precisamente deixan fóra de xogo o tecido de pemes ou agrupacións de intérpretes profesionais.

A acción colectiva albíscase como unha estratexia positiva para contrarrestar as prácticas prexudiciais e garantir un enfoque que beneficie e respecte o profesional e non só o intermediario.

É o momento de defender a profesión. A acción colectiva albíscase como unha estratexia positiva para contrarrestar as prácticas prexudiciais e garantir un enfoque que beneficie e respecte o profesional e non só o intermediario. A Red Vértice está mobilizada, coas asociacións máis representativas do sector, ESPaiic e AICE, así como AGPTI, APTIC, EIZIE, ou Asetrad. O asociacionismo é unha ferramenta de transformación, sen esquecer que cada acción individual tamén é sumamente valiosa. É o momento de abrir un diálogo construtivo e unir esforzos para afrontar os desafíos actuais. As decisións que se tomen agora serán cruciais para o futuro do sector. É hora de facer oír a voz dos intérpretes de conferencias e de liderar esta loita por un ámbito laboral máis xusto e sustentable.

Na data de publicación deste artigo hai xa unha nova licitación. Lamentablemente, os pregos seguen a ter carencias manifestas —ás dos primeiros cómpre sumarlles a mención dun convenio non aplicable á interpretación de conferencias—, se ben melloraron levemente as condicións económicas.

Traducción del castellano: Cristina Veiga Novoa

Emma Soler
Emma Soler Caamaño
+ artículos

Licenciada en Interpretación de Conferencias por la Universidad de Mons (EII, Bélgica) en 1992 y doctora en Interpretación por la Universidad Pompeu Fabra. Intérprete de conferencias freelance desde 1993 (FR, EN, ES, CA), intérprete acreditada del Senado español desde 2005 y profesora de Interpretación en la Universidad Pompeu Fabra de 1996 a 2007. Es miembro de AIIC y de la ATIJC. En 2009 fundó su propia empresa de interpretación, e774Interpretes.

Emma Soler Caamaño
Emma Soler Caamaño
Licenciada en Interpretación de Conferencias por la Universidad de Mons (EII, Bélgica) en 1992 y doctora en Interpretación por la Universidad Pompeu Fabra. Intérprete de conferencias freelance desde 1993 (FR, EN, ES, CA), intérprete acreditada del Senado español desde 2005 y profesora de Interpretación en la Universidad Pompeu Fabra de 1996 a 2007. Es miembro de AIIC y de la ATIJC. En 2009 fundó su propia empresa de interpretación, e774Interpretes.

Redes Sociales

956me gustaMe gusta
10,638seguidoresSeguir

Último número

- Advertisement -spot_img

Artículos relacionados